luns, 1 de xuño de 2015

Día das Letras Galegas

O pasado venres  22 de maio celebramos o noso festival das Letras Galegas.
Para o centro esta festa supón un esforzo grande, pois organízanse actividades: teatro, bailes, cancións...que se ensaian nos períodos de lecer unha gran parte. Pero conscientes da importancia que para o noso alumnado teñen estas  actividades, así como da convivencia  da comunidade educativa que os festivais crean,  seguimos  ilusionándonos con este tipo de actividades que acaba ademais dándolle singularidade ao noso centro.
Ao festival acode moita xente: as familias do alumnado, responsables das institucións culturais do nosa localidade, e os veciños e usuarios do Centro de día que está ubicado enfronte do noso centro.
É un dia completo, alegre para tod@s, no que florece o orgullo e a satisfacción dos traballos feitos, tanto do alumnado contento do seu protagonismo e bo facer como do profesorado e das familias…
Este ano presentaron o festival tres alumn@s de 5º e 6º: Marcos, Xurxo e Verónica que tamén nos deron a coñecer  ao escritor homenaxeado este ano Xosé Filgueira Valverde.
Os primeiros en actuar como case sempre foron os nenos e nenas de infantil que representaron o conto: “A ratiña presumida” e que engaiolaron a todos coa súa gracia e simpatía.
Despois o alumando de 3º e 4º creou o Clube do chiste. Saíron a contar de un en un dous chistes, cos que tamén rimos moito, tanto polo contido como polas  súas boas dotes para contalos.
Os nenos e nenas de 1º e 2º representaron unha obriña de teatro cargada de mensaxe. “Gorrionceteo paxariño que non quería aprender”. Fixérono moi ben e daba gusto ver aos paxariños nun niño que Nuria lles improvisou moi ben con follas de laurel.
A continuación, 5º e 6º contáronnos un conto tamén a través de guiñol:“O verme Rañoso e a galiña Clodovea”. Unha peciña chea de humor e na que  involucraron moi ben ós demais nenos e nenas espectadores. E na que ademais quedou a mensaxe: mellor sumar que pelexar…
Máis tarde, o alumnado de 3º e 4º tamén representaron outra obra de teatro con moita mensaxe, “Coida a lingua”. Así coa súa gracia deixáronnos a reflexión da importancia de falar galego e do importantes que temos que sentirnos sendo galegos.
Logo, era o momento da escola de música que ten a súa sede  en aulas do noso centro que nós non usamos, e que ademais un papa é profesor da escola. Tocáronnos a peza instrumental: “A Carballesa de Melide”.
O festival ía avanzando coa representación de 5º e 6º da obra de teatro: “A consulta do doutor”. Unha parodia dunha consulta pero na que tamén nos deixa a mensaxe da importancia da profesionalidade e da necesidade do bo funcionamento dos servizos públicos.
Case rematando chegou o momento da entrega dos premios do Certame de Contos Letras Galegas que se convoca cada ano e que este ano era xa o número XXIV. Este ano os premiados foron:
1º e 2º: Xulia
3º e 4º: Lorena e Noé
5º e 6º: Sheila
Finalmente foi o turno da música novamente: Un grupo de nen@s de 3º,4º, 5º, e 6º bailaron a muiñeira do Chao e 3º,4º,5º e 6º  cantou o Himno Galego.

Foi unha mañá  na que floreceu o traballo de días anteriores, na que disfrutamos, e sobre todo unímonos un pouco máis para seguir a loitar por coñecer  a nosa historia, para que este pasado sexa cada día máis valorado,  e para que a nosa lingua está cada día máis presente nas nosas vidas ocupando o lugar que se merece, medrando cara un  bo futuro